Ir a portada
Castellano   |   Galego
Moeche » O Castelo  

 

Castelo de Moeche / Castillo de Moeche
Castelo de Moeche / Castillo de Moeche
Castelo de Moeche / Castillo de Moeche
Castelo de Moeche / Castillo de Moeche

 

O Castelo

O principal punto de atención para o turista é o Castelo, que leva o nome do municipio. Sen embargo, son moitos os fermosos lugares cos que nos imos atopando se facemos un percorrido por Moeche. O Castelo de Moeche, situado na parroquia de San Xurxo, foi construído no século XIV, pola súa antigüidade e as súas características é o edificio máis emblemático deste Concello.

Posúe planta poligonal, en que a parte oeste vese defendida cun foso escavado na rocha. No leste está a entrada, defendida cun baluarte apegado de planta irregular, co fin de incrementar a capacidade defensiva e controlar mellor o contorno.

Ten sete sectores e dúas poternas para coidado do foso. Dende o baluarte, atravesando a cadrada torre da homenaxe, unha das partes mellor conservadas e na que aínda apreciamos as ameas que a coroaban, accédese o patio de armas, ó que verten as catro estancias que, xunto coa torre, conforman o Castelo. Nunha delas consérvase unha escaleira helicoidal de cantería que permite o acceso ó paso de rolda. Está construído con espesos muros de cachotería, cos pavimentos de grava e herba.No interior nunha das estancias aínda se conserva unha bóveda e no exterior, dous escudos de armas e pequenas fiestras con arcos de medio punto.

Acceso: na estrada C-642 hai que coller un desvío en dirección a San Ramón. Unha vez en San Ramón descéndese pola mesma estrada e a 3 km aproximadamente atópase o castelo.

HORARIO E TARIFAS:

Semana Santa 2017

11 e 12 de abril 2017:
de 16.30 a 20.00 horas

13, 14, 15 e 16 de abril 2017:
de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas.

Todas as fins de semana e festivos de abril, maio e ata o 11 de xuño de 2017:
de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas.

PREZOS

Entrada individual:
Menores de 6 anos e persoas empadroadas no Concello de Moeche: 0,00€
Entrada xeral (maior de 12 anos e sen carné xove): 2,50€
Entrada persoas xubiladas e mozos/as entre 6 e 12 anos: 1,50€
Entrada titulares do carné xove): 2,00€

Entrada grupos:
Grupos de + 15 persoas: 2,00 €/persoa
Grupos de alumnado de centros educativos de educación infantil, primaria, especial, secundaria e universitaria de fóra da localidade: 1,00€/persoa
Grupos de alumnado de colexios do concello: 0,00€

 

O CASTELO E O FESTIVAL IRMANDIÑO

Se falamos do Castelo, non podemos esquecer o Festival Irmandiño que, dende o ano 1980 se celebra a penúltima fin de semana de cada mes de agosto, ao son da música tradicional. Este festival actualmente está organizado pola Asociación Cultural Festival Irmandiño de Moeche,entidade que recolle o testemuño doutras entidades e de xeracións de veciñas e veciñas que mantiveron vivo o festival ao longo de máis de trinta anos.

O Festival Irmandiño significa moito máis que un evento de música folk, nel preténdese conmemorar e reivindicar, con carácter festivo, o movemento Irmandiño, considerado como a primeira revolta social europea.

A súa actividade principal, o momento culminante, é a conmemoración histórica do asalto ao castelo, que se fai a media noite e é o pobo quen, armado con fachos, protagoniza os acontecementos, toma o castelo, e resulta vencedor na contenda.

Aínda que é o Castelo o que xoga un papel fundamental no Festival, o outro elemento que centra toda a atención das persoas que nos visitan é o “campo do festival” , un espazo que acolle ano tras anos actuacións musicais e baile, postos de artesanía, xogos tradicionais e a lectura do pregón, que en todos estes anos realizaron xenerosamente persoas destacadas da nosa cultura, entre as que cómpre destacar a Manuel María, autor sobranceiro das nosas letras, voz inesquecible do pobo e homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016.

 

DESCARGAS

 

Unidade Didactica

Unidade Didáctica
Castelo de Moeche

Exercicios da Unidade Didáctica
Primaria, Secundaria

Folletos
Recursos do territorio

 

Unidade Didactica

Tríptico
Castelo de Moeche [Galego]

Castelo de Moeche [Castellano]

 

Aviso Legal | Mapa Web | Contacto